Dinamización: MAIO DA FALA. AS IRMANDADES

MAIO DA FALA. AS IRMANDADES

Conmemoración do seu centenario

O 18 de maio de 1916 fundábanse na Coruña as Irmandades da Fala. Tras dela viñeron outras, ata 46 irmandades, por todo o territorio. Promoveron a valoración da lingua e o desenvolvemento das artes e da cultura. Sementaron para as xeracións vindeiras.

 

Ler máis

A primeira Irmandade dos Amigos da Fala creouse o 18 de maio de 1916 na Coruña da man de Antón Vilar Ponte, convocante da xuntanza, e arredor de 20 galeguistas máis, entre os que se encontraban Ramón Vilar Ponte, Manuel Lugrís Freire ou Lois Porteiro Garea. Tras dela foron constituíndose outras agrupacións locais ata que, en 1931, se funda o Partido Galeguista, no que quedan integradas as 46 irmandades existentes que se repartían por toda Galicia e mesmo por países con comunidades galegas de emigrantes.

As Irmandades da Fala foron promotoras de moitas das aspiracións da Galicia do século XX no aspecto lingüístico, cultural e político. A súa contribución supuxo un paso adiante decisivo no cultivo do idioma galego e na defensa da identidade de Galicia como suxeito político dentro do contexto xeral de rexeneración do país. Promoveron unha renovación cultural que abriu novas vías para o desenvolvemento das artes en Galicia, tanto na plástica, como na música e na literatura.

Programación institucional para a conmemoración do centenario
O Parlamento de Galicia aprobou o 29 de abril de 2015 unha proposición non de lei para a declaración por parte da Xunta de Galicia do ano 2016 como Ano das Irmandades da Fala.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego, coa colaboración de concellos e doutras entidades públicas e privadas, poñen en marcha unha programación conxunta para a celebración do Ano das Irmandades da Fala, consonte a declaración unánime do Parlamento de Galicia.

Comparte