Evento: Peza do mes: MANGO DE MADEIRA DO CASTRO DO CASTELO DE LAIAS
Peza do mes: MANGO DE MADEIRA DO CASTRO DO CASTELO DE LAIAS
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
A presentación terá lugar o mércores 8 de febreiro ás 20.00 h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). A explicación correrá a cargo de María Martín Seijo (Departamento de Ciencias Históricas. Universidade de Cantabria).
O mango de coitelo do castro do Castelo de Laias (Cenlle, Ourense) remítenos á cultura material máis descoñecida da Idade do Ferro, aquela elaborada a partir de diversos tipos de materiais vexetais (madeira, cortiza, talos, follas, etc.). Esta cultura material de natureza efémera foi predominante no pasado, investigacións e achados recentes teñen permitido ampliar o noso coñecemento dela, e comezan a revelar a súa diversidade e os coñecementos técnicos e ambientais que atesoura.
No caso da madeira, esta materia prima foi utilizada para a construción de vivendas e estruturas de almacenaxe, embarcacións, armamento ofensivo e defensivo, e utensilios domésticos e instrumental agrícola e forestal. Mais o seu carácter perecedoiro ten condicionado a súa preservación en contextos arqueolóxicos.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode ver máis información nun estudio, neste caso, a cargo de María Martín Seijo (Departamento de Ciencias Históricas. Universidade de Cantabria).
Máis eventos de tipo Xornada/Congreso