Evento: FESTA DA EMPANADA DA BANDEIRA

FESTA DA EMPANADA DA BANDEIRA
sábado, 24 agosto, 2024 - 12:00
A Bandeira ,
Silleda

FESTA DA EMPANADA DA BANDEIRA

A VILA DA BANDEIRA CELEBRA O PENÚLTIMO SÁBADO DE AGOSTO A TRADICIONAL FESTA DA EMPANADA CUNHA COMPLETA PROGRAMACIÓN CULTURAL E GASTRONÓMICA QUE ATRAE A MILES DE PERSOAS

A empanada galega está de moda e proba disto é o recoñecemento e a fama que o produto estrela da cociña desta comunidade autónoma está a acadar a nivel nacional e internacional. Bacallau, zamburiñas, polbo, mexillóns, carne, bonito, chocos ou mesmo de cocido son só algúns dos tesouros que pode conter a masa galega que xa está presente en bares, restaurantes, supermercados, festivais, panaderías e, en definitiva, en todos os recunchos do noso país.
Pero se hai un pobo que se gañou a pulso o título de Capital Mundial da Empanada, ese é A Bandeira, que celebra desde o ano 1974 a súa coñecida Festa da Empanada, un evento gastronómico e cultural que en cada edición rende homenaxe a este produto que conta con Día Mundial propio, himno, concurso e, por suposto, cun gran número de fieis que lle gardan devoción ao longo de todo o ano.

A BANDEIRA, CAPITAL DA EMPANADA
A Bandeira trátase dunha pequena localidade rural do interior da provincia de Pontevedra que a pesar dos seus pouco máis de 700 habitantes logrou posicionarse como un dos destinos turísticos imprescindibles do verán galego. Este recoñecemento débese, en gran parte, á súa tradicional Romaría da Empanada, declarada de Interese Turístico Galego dende o ano 1999 e evento que atrae cada penúltimo sábado de agosto a miles de persoas chegadas de todos os puntos da xeografía. Todas estas persoas visitantes non só buscan coñecer os tesouros naturais e arquitectónicos do municipio de Silleda senón ademais probar a mellor empanada do mundo
.
UN EVENTO DOS VECIÑOS E VECIÑAS
Para coñecer a orixe da Festa da Empanada debemos retroceder ao ano 1974, momento no que un grupo de veciños decidiron levar unhas empanadas a unha pequena carballeira da localidade para gozar dunha tarde ao son das gaitas e pandeiretas tan características da cultura musical galega. O que comezou como unha pequena reunión dunha decena de amigos e amigas, foi crecendo co paso dos anos ata converterse ao día de hoxe nunha cita gastronómica ineludible do verán galego que se postula como unha firma candidata a lograr o título de Interese Turístico Nacional.

Detrás deste crecemento imparable atópase a Asociación Cultural Amigos da Empanada, unha entidade sen ánimo de lucro que se encarga da organización co obxectivo de manter con vida o rural a través da cultura e da gastronomía. Esta asociación está composta por mozos e mozas de A Bandeira, logrando así que a tradición se propague de xeración en xeración.

UN CONCURSO PARA ELIXIR A MELLOR EMPANADA DE ESPAÑA
Como cada ano dende 1975, a Festa da Empanada celebra o seu prestixioso concurso de empanadas que atrae, cada ano, a milleiros de curiosos, persoas expertas do ámbito gastronómico, así como decenas de medios de comunicación que agardan polo veredicto dun xurado profesional que ten a difícil tarefa de elixir a mellor empanada de España entre as moitas e enxeñosas creacións que se presentan en cada edición. Sabor, tradición, orixinalidade, presentación son algunhas das variables que poden facer decantar a balanza cara unha empanada ou outra.
Mentres o xurado delibera, as persoas que asisten ao evento poden contemplar as empanadas competidoras, que permanecen expostas mentres se suceden diferentes actuacións musicais e culturais que completan a xornada festiva. Cabe destacar que o concurso conta coas categorías de profesionais, amateur e, dende o ano 2023, cunha sección infantil que asegura unha boa canteira para o futuro da Festa da Empanada.

UNHA SUBASTA SOLIDARIA DE RÉCORD
Unha vez que o xurado dita a sentenza, procedese á entrega de premios e á posterior poxa das empanadas gañadoras entre as persoas asistentes á cita gastronómica. E o certo é que facerse coa mellor empanada de España non é para nada tarefa fácil, xa que se chegaron a pagar ata 2400€ por unha empanada, unha recadación que é destinada a fins culturais e sociais.

O PREGÓN
O concurso de empanadas complétase coa tradicional lectura do pregón. Entre os ilustres pregoeiros que decidiron apoiar a Festa da Empanada destacan escritores como Camilo José Cela ou Alfredo Conde, cociñeiros e cociñeiras de renome como Pepe Solla ou Lucía Freitas ou políticos como Abel Caballero e Fernández Albor. Tamén actores e actrices, empresarios e xornalistas de prestixio, Fernando Ónega, María Lama, María Rey, Pilar Cernuda, Luis Zahera e José María Carrascal participaron na empanada de A Bandeira.

A CARBALLEIRA A REBOSAR EN TRIBUTO Á EMPANADA
O concurso, poxa e pregón dan paso a unha gran comida e cea baixo unha fermosa carballeira onde milleiros de persoas gozan de empanadas de todos os sabores nun ambiente festivo único que fai que quen proba, repite. Grupos de amigos, familias enteiras ou coñecidos reúnense para celebrar este gran homenaxe á empanada galega ao ritmo de orquestras musicais de renome, charangas e grupos de música tradicional que manteñen viva a festa ata altas horas da madrugada.

O SEGREDO DA EMPANADA QUE NAMORA AOS GRANDES CHEFS
Aínda que na Bandeira pódense degustar empanadas de todos os ingredientes, neste pobo contan cunha empanada estrela como é a de carne de vaca. Isto débese a que a empresa local Frigoríficos Bandeira exporta unha das mellores carnes do mercado, a vaca vella de A Bandeira, un produto de máxima calidade que xa está presente nos máis prestixiosos restaurantes de todo o mundo. Precisamente da combinación desta carne xunto coa fariña artesá moda no muíño de pedra de O Muíño de Cuiña ao estilo tradicional dende o ano 1918 xurde a empanada perfecta. Unha empanada que xa foi avalada por chefs como Martín Berasategui, Pepe Solla, Lucía Freitas ou Pepe Rodríguez, que foron ademais declarados embaixadores da Empanada de Bandeira.

MÚSICA E GASTRONOMÍA, A MELLOR FUSIÓN
Outro dos grandes atractivos da Festa da Empanada son os seus Festivais: o Bandeirock e o Esmorga Folk, que se configuran como uns dos máis antigos Galicia tras décadas reunindo a grupos de renome como Tanxugueiras, Herdeiros da Crus, Leilía, Luar na Lubre, Treixadura, Susana Seivane, Kepa Junquera, Che Sudaka ou Carlos Núñez entre moitos outros.
Estes festivais son totalmente gratuítos e teñen carácter solidario, debendo as persoas asistentes aportar alimentos non perecedoiros, que son posteriormente entregados a familias en risco de exclusión social. Estes eventos musicais celébranse como antesala ao gran día da Empanada.

CINCO DÍAS DE INTENSA CELEBRACIÓN
O sábado, día grande da cita gastronómica, é completado cunha programación cultural e gastronómica despregada en cinco días de celebración que enchen A Bandeira de actividades para todos os públicos e idades: concertos musicais, batallas de rap, xogos tradicionais, rutas gastronómicas e musicais, campionatos deportivos, verbenas e un longo etcétera.

UNHA ESCAPADA POR SILLEDA
A Bandeira pertence a un acolledor municipio chamado Silleda, situado a media hora de Santiago de Compostela e que conta no seu entorno con tesouros que deberían ser visitados como mínimo, unha vez na vida.
Tras desfrutar das múltiples actividades da Festa da Empanada, poderían visitar Fervenza do Toxa, unha das máis altas e espectaculares de toda Galicia. Cunha caída libre de 70 metros de altura, está situada no medio dun frondoso bosque de beira, con carballos, castiñeiros e outras decenas de especies máis. Sen dúbida, unha estampa idílica nun espazo de gran valor paisaxístico que conforma un espectáculo para os sentidos de luz, auga e son.
Estas fervenzas e frondosos bosques autóctonos invitan a perderse no medio da natureza máis auténtica, e é que en Silleda poderás gozar de variadas rutas de sendeirismo que atesoran xoias de gran valor como o Mosteiro de Carboeiro, un dos mellores representantes do románico de toda a comunidade galega.
Pontes medievais de soño; fervenzas nos lugares máis recónditos, singulares pazos señoriais e ata poboados da Idade de Ferro converten a este particular territorio verde nun lugar de visita obrigada en plena ruta da Vía da Prata do Camiño de Santiago. É probable, que a mellor decisión sexa visitar toda esta riqueza o penúltimo sábado de agosto, coincidindo coa Festa da Empanada. Silleda conta cunha ampla oferta hostaleira e gastronómica, con hoteis, restaurantes, tabernas, casas rurais, comercio de proximidade e todos os servizos necesarios para ter unha estancia do máis confortable. Sen dúbida ningunha, A Bandeira é a Capital da Empanada!

Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

Festa do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas
18 de xullo a 23 de xullo
Bouzas
Festa da Dorna de Ribeira
18 de xullo a 24 de xullo
Ribeira
Festa da Vieira de Cambados
19 de xullo a 21 de xullo
Cambados
Gran Premio de Carrilanas de Esteiro
19 de xullo a 21 de xullo
Parroquia de Esteiro