Nova: A exposición ‘Unha vida viquinga’ supera as 50.000 visitas e convértese nunha das de maior afluencia do Museo Gaiás a un mes de pechar as súas portas

15/12/2024

A exposición ‘Unha vida viquinga’ supera as 50.000 visitas e convértese nunha das de maior afluencia do Museo Gaiás a un mes de pechar as súas portas

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2024

A exposición Unha vida viquinga supera xa as 50.000 visitas desde a súa apertura o pasado mes de xullo na Cidade da Cultura de Galicia. A pouco menos dun mes de pechar as súas portas, esta mostra internacional que exhibe pezas históricas e arqueolóxicas de Suecia, Dinamarca ou Francia sitúase entre as tres máis visitadas da historia do Museo Centro Gaiás, xunto a Faraón, rei de Exipto (2021) e Galicia un relato no mundo (2019-2020).

Cada día, unha media de preto de 400 persoas achégase ao Gaiás a descubrir esta exposición, que destaca tamén pola elevada demanda de visitas comentadas e didácticas. Desde a súa apertura cubriu a práctica totalidade das prazas nas quendas ofertadas, de balde, polo Servizo de Educación do Museo, que continuarán ata o peche das súas portas, o vindeiro domingo 5 de xaneiro.

Inaugurada o 12 de xullo e comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos, Irene García Losquiño, Unha vida viquinga é unha das maiores mostras realizadas en España sobre esta cultura, unha proposta desenvolvida en colaboración con Museos Nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España.

Artellado ao redor dos períodos vitais dunha persoa durante a Era Viquinga, o relato da exposición trata, entre outras cuestións, as diferentes campañas de exploración, incursións ou relacións comerciais que se estableceron en diferentes puntos de Europa, entre os que Galicia ten un protagonismo especial.

O mundo escandinavo protagoniza tamén a instalación Yule, un Nadal viquingo no Gaiás, que ambienta nestas datas o Hall de Tirantes do Museo e que permite completar a descuberta da exposición cun plan familiar onde se inclúen desde sesións de contacontos a obradoiros creativos de xoiaría viquinga ou tatuaxes temporais.

Comparte