Nova: Un coro de 350 nenas e nenos cantará a poesía de Ramón Cabanillas na terra natal do escritor
03/06/2015
Un coro de 350 nenas e nenos cantará a poesía de Ramón Cabanillas na terra natal do escritor
Cambados acollerá o 5 de xuño a terceira edición do programa ‘No bico un cantar’
Alumnado dos conservatorios de música profesional de Galicia participan pora voz aos versos do poeta baixo a dirección de Maximino Zumalave e co acompañamento do grupo de metais Hércules Brass
Santiago, 3 de xuño de 2015.- Coincidindo co centenario da publicación da obra Vento mareiro (1915), do poeta Ramón Cabanillas, o escritor será o protagonista da terceira edición do programa No bico un cantar, promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG) e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para favorecer entre os rapaces e rapazas o interese pola música cultura e a poesía, a partir da obra dunha figura senlleira da literatura galega.
Un coro conformado por 350 alumnos e alumnos dos sete conservatorios profesionais de música de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol), así como da Escola Municipal de Música de Cambados, será o encargado de renderlle homenaxe ao escritor na súa terra natal, Cambados, o vindeiro venres 5 de xuño, cun concerto no que cantarán os versos de Cabanillas baixo a dirección de Maximino Zumalave e co acompañamento do grupo de metais Hércules Brass.
O programa da nova edición de No bico un cantar está conformado por catro poemas de Ramón Cabanillas que recollen trazos da súa poética total. Os textos seleccionados, Pregaria, Fala unha laverca, Era un piniño novo e Aureana do Sil, xunto co poema de Rosalía de Castro Maio longo, foron musicados por diferentes compositores recoñecidos da música culta galega, como son José Baldomir ou Eduardo Rodríguez-Losada, así como a versión que fixo o coñecido compositor catalán Frederic Mompou do poema Aureana do Sil, en homenaxe ás mulleres que buscaban ouro nos ríos galegos.
Como vén sendo habitual neste programa, o Consello da Cultura Galega encargou a composición musical dun poema. Nesta edición, Margarita Soto Viso foi a responsable de poñerlle música a Fala unha laverca, cuxa estrea terá lugar o día do concerto.
Divulgar a poesía galega a través da música
Un verso dun poema de Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de lles achegar aos escolares de toda Galicia a música clásica en diálogo coa poesía galega.
Nese ano, cando se cumpría o 150º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poetisa de Padrón foi a protagonista deste concerto, que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova, por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez. Nesa ocasión estrouse a versión musical do poema de Curros Nouturnio que o Consello da Cultura Galega lle encargou a Xabier Comesanha.
Neste ano 2015, o programa deseñado e promovido polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación conta coa colaboración do Concello de Cambados e o apoio de Vegalsa-Eroski.