Nova: Galicia retoma unha intensa actividade de promoción exterior da literatura galega na Feira Internacional do Libro de Bos Aires
27/04/2022
Galicia retoma unha intensa actividade de promoción exterior da literatura galega na Feira Internacional do Libro de Bos Aires
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, detalla no Parlamento as políticas da Xunta en apoio ao sector editorial onde estes certames son un “espazo idóneo de intercambio e divulgación do traballo feito en Galicia”
Refírese aos resultados do último barómetro do Consello da Cultura que fala dunha recuperación e optimismo do sector e que sitúa a Xunta como a entidade pública mellor valorada polos profesionais da cultura
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.- Galicia retoma a promoción internacional da literatura galega cunha intensa programación no marco da 46ª edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, considerada como un dos eventos culturais e editoriais máis importantes de Latinoamérica. En colaboración co Centro Galego de Bos Aires, a Xunta instala un espazo promocional de 44 metros cadrados que servirá para presentar desde mañá as novidades de diferentes editoriais galegas, con máis dun cento de publicacións e unha axenda que incluirá presentacións de autores galegos.
No marco da presenza institucións da Xunta de Galicia, a Consellería de Cultura desenvolverá ata mediados de maio accións para afondar na difusión da cultura e o libro galego na capital arxentina con recitais, conferencias, presentación e coloquios, entre outras actividades coa presenza, do Premio Nacional de Narrativa e xornalista de La Voz de Galicia Xesús Fraga, a poeta galardoada co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández Alba Cid, a divulgadora científica María Canosa, a ilustradora Laura Romero, e Víctor Mascato da editorial Triqueta Verde, dedicada a literatura infantil.
Como material de promoción distribúense distintos catálogos da edición galega e de xeito permanente na pantalla do expositor de Galicia exhíbense vídeos relativos á infraestrutura cultural galega. As actividades terán lugar no expositor de Galicia, no Colexio Santiago Apóstolo e na Federación de Sociedades Galegas de Arxentina. Trátase dunha das accións ás que se referiu hoxe o conselleiro de Cultura no Parlamento, onde detallou as políticas da Xunta en apoio ao sector editorial que, como expresou, encontran nas feiras internacionais un espazo idóneo de intercambio e promoción da literatura galega. Tras o paso por Arxentina, continuará en Alemaña e México.
“As feiras levan a cultura e a literatura da nosa Comunidade. O apoio deste Goberno, que se mantivo incluso nos momentos máis incertos da pandemia, foi moi importante para que estes encontros non se deixaran de celebrar”, indicou ao tempo que se referiu ao circuíto de feiras do libro celebradas en distintas cidades de Galicia co apoio da Xunta como principal patrocinador.
O titular de Cultura da Xunta referiuse ás conclusións do último Barómetro do Consello da Cultura Galega feitas públicas hoxe que apuntan a unha recuperación do sector e unha visión optimista e positiva sobre o futuro da actividade cultural en Galicia. Segundo estes datos, máis dun 66% dos profesionais perciben que este será un ano mellor ou moito mellor para a cultura galega. “A maioría recuperou ou recuperarán en 2022 a facturación previa á pandemia e un terzo opina que se recuperará en 2023”, engadiu. Salientou tamén que, segundo este informe, a Xunta é a entidade pública mellor valorada polos profesionais da cultura, por riba dos Concellos e do Estado.
Ademais, Román Rodríguez relatou varias das accións levadas a cabo polo Goberno autonómico para a dinamización da lectura que non só se centra no apoio ao libro, senón que tamén pasa por unha política bibliotecaria que entende estes centros como “espazos vivos, dinámicos e de socialización” ao tempo que presta especial atención ao ámbito educativo “como xermolo dos futuros hábitos lectores”.
Referiuse ás liñas de apoio para favorecer a edición cun investimento superior aos 5 millóns de euros na última década ou á tradución, que inxectou máis de 2 millóns de euros nese mesmo período. Tamén a iniciativas novidosas que repercutiron no sector editorial como o Bono Cultura da Xunta, ao que se adheriron numerosas librarías, ou o compromiso cos novos creadores galegos a través de intercambios literarios co estranxeiro na fórmula de residencias literarias, entre outras iniciativas.
Román Rodríguez fixo mención á actividade da Xunta para impulsar as bibliotecas públicas galegas, para as que este ano se invisten máis de 2,1 millóns de euros, tanto para difusión de actividades como para a ampliación e mellora dos seus fondos. Salientou o papel especial das bibliotecas escolares para fomentar a lectura desde idades temperás, tendo en conta que Galicia é referencia nacional como terceira comunidade autónoma en competencias lectoras. Uns índices que se reforzarán, dixo, co novo Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta recentemente aprobada que guiará todas as actuacións nestes espazos ata o ano 2025 e que dotarán ao entorno bibliotecario das ferramentas pedagóxicas precisas para os novos tempos.
O titular de Cultura da Xunta agradeceu ao sector do libro o seu compromiso e salientou que froito do traballo conxunto, Galicia avanza en competencias lectoras e en ofrecer un sector editorial cada vez máis fortalecido. Indicou que se le máis que antes e que este incremento se está a consolidar. Aumenta a lectura en dixital, abrindo novas posibilidades; hai talento como demostran os creadores que presentan novas propostas de calidade; os estudantes galegos son referentes en competencias lectoras, somos a comunidade con máis librarías por habitante; cada vez son máis os libros que se editan e hai diversidade de propostas”, expresou ao tempo que amosou a vontade de seguir traballando e avanzando nesta dirección.