Patrimonio cultural galego

Patrimonio cultural

O patrimonio cultural galego caracterízase pola súa riqueza, diversidade e extensión xeográfica, así como pola vinculación á paisaxe que o rodea. Abundan os monumentos megalíticos, como dolmens, gravados rupestres, ou castros, poboados fortificados da Idade do Ferro; son numerosos os restos romanos, entre os que destaca a muralla de Lugo, declarada Patrimonio da Humanidade, ou a Torre de Hércules da Coruña.

Pero se algo a converte en referente europeo son as múltiples arterias do camiño que conduce a Santiago de Compostela, cidade recoñecida pola Unesco como patrimonio da humanidade e punto de encontro cultural dos millóns de peregrinos que ao longo da historia percorreron as rutas xacobeas. Os Camiños de Santiago, que tiveron o seu esplendor na Idade Media, declarounos o Consello de Europa Primeiro Itinerario Cultural Europeo e actualmente son percorridos cada ano por miles de persoas.

Na meta da ruta xacobea atópase a catedral de Santiago de Compostela, un dos principais símbolos de Galicia polo seu valor patrimonial, pola súa importancia histórica na conformación da propia identidade europea e pola súa proxección para a imaxe da comunidade galega no exterior.

Cos seus máis de 30.000 núcleos de poboación, a paisaxe galega está profundamente humanizada. Ao longo do territorio dominan as construcións en pedra, principalmente, igrexas, hórreos e cruceiros.

Galicia conta, así mesmo, cun riquísima cultura musical, literaria, teatral etc. Tamén a cultura oral aínda hoxe mantén vivos costumes milenarios e un imaxinario cheo de historias no que se mestura realidade e fantasía compartida. Esta cultura popular viva foi a que permitiu, durante séculos ata hoxe, transmitir entre xeracións a memoria colectiva e a lingua propia de Galicia.