A sexta edición de Cultura no Camiño desenvolverase do 16 de abril ao 30 de setembro nun total de 103 concellos situados nas diferentes rutas xacobeas de Galicia.
O programa xurdido ao abeiro da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela desprega unha carteleira de 342 actuacións escénicas e musicais, protagonizadas por 146 formacións artísticas galegas. Artículase como un circuíto de espectáculos que ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural, amplía as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo producidos de maneira profesional na nosa Comunidade.
Adaptación para monicreques do clásico de Maurice Sendak, acompañada de pequenos contos monstruosos:
“Onde viven os monstros”
Nesta historia, chea de humor e diversión, Max crea na súa habitación un mundo imaxinario onde é libre. Libre mesmo para ser monstro, o máis monstro de todos. Na súa aventura, desafía aos seus propios medos, a frustración, a rabia, a incomprensión ou o temor ao rexeitamento. Finalmente, atopar en falta o amor da súa nai faino regresar a casa e comprende que sempre hay que respectar aos demais.
Unha fonda acción máxica e cómica, de ilusionismo, sostida na nosa fermosa e culta lingua.
Un percorrido de transmisión da xenuína riqueza: de onde vimos e cara onde imos como sociedade.
Un movemento de maxia, humor e participación do público que xuntamente, serán testemuñas e colaborador@s do fío condutor desta malleira de información:
a pescuda, a xeito de espectáculo, da identidade desta nosa cultura, apañando no esquecido para non esquecer.
Palabras con pouco uso ou consumidas ao pouco polo xeito de vida, son a cerna desta obra de maxia:
Este espectáculo acaba de saír da fábrica en pleno confinamento e quere darlle continuidade a O Pozo das Señoras. ASDOMARE son as mulleres do mar, ou o mar de mulleres. É a senda dos faros que alumean A Maruxaina, A pedra do cu da raíña, Os cantos das conserveiras... Todo o que o mar quita, todo o que o mar deixa.
Un espectáculo de narración oral e música a cargo da consolidada parella formada por Vero Rilo e Sonsoles Penadique.
Un orixinal espectáculo para nenos e nenas de todas as idades que consiste en a instalación dun vistoso teatrillo na túa rúa, praza ou teatro, a modo de unha barraca de feira ou de circo antigo e no que o mestre de cerimonias "Pedrito Mendrugo" e a súa pulga "Jacinta Florette" farán as delicias dos máis pequenos e tamén dos máis creciditos transformando algúns contos populares desde un punto de vista moito máis cómico e actual.
TIAM Gz combina iso que a xente tanto bota en falta, e iso que á xente tanto lle gusta: positividade, colectividade e xustiza social. TIAM Gz combina nos seus temas compromiso e festa. A súa música leva ao público dende as cancións máis reivindicativas ata as sonoridades máis bailables. “Volta ao xogo” é so un adianto de todo o que está por vir: un novo EP que sairá en verán con sos electrónicos. Ata o momento, TIAM Gz contaba cun álbum chamado [De] Construción (2021) no que se mesturan diferentes estilos: hip-hop, pop, acústica, trap, etc.
Silvia Penide celebra unha xira moi especial. XX Anos de carreira musical. Acaba de recibir os premio "Alas en tus pies" no Hostal dos Reis Católicos pola súa traxectoria profesional. E acadou en 2016 e 2020 os Premios Martín Codax nos apartados de Indie Pop e Canción de autor, estilos nos que se move durante os seus directos. Tamén puxo a música na Gala dos Premios Mestre Mateo 2023.
É un concerto en lingua galega pero moitas das cancións son en castelán. As presentacións e algunha das cancións son en galego.
Vacacións en Ornanda é o último traballo discográfico de Momboi. Nel, a banda colle a tenrura por bandeira e transita pola beleza dos lugares comúns ao compás de medios tempos e pasaxes melódicas. En total, 12 cancións que a banda compartiu xa nos seus directos, que gravaron no estudo de MaySound Producións con Ángel Morandeira e masterizaron con Cem Oral en Berlín. “As letras e a música deste disco buscan conectar co medio natural e co noso lado máis humano”.
A Quenlla, unha vez constituídos comezan unha nova andaina e parten da musicalización e gravación dos 10 temas de Martín de Padrozelos, quizais un dos primeiros trobadores da nosa lírica medieval. Un trobador no Camiño que nos sorprendeu con 9 cantigas de amigo e 1 de amor. Feita a gravación, estamos a espallar esa obra e a realizar concertos de variada temática e con temas antigos e de nova incorporación, tamén con novos autores.